Sementes de educación: participamos no I Congreso Internacional sobre Educación Comprometida e Crítica
Entre o 22 e 24 de xaneiro, os nosos compañeiros Eloi e Alba participaron no I Congreso Internacional sobre Educación Comprometida e Crítica, celebrado en Barcelona e organizado por EduAlter e a Universidade de Barcelona. Achegámonos a este espazo co obxectivo de compartir o noso traballo en Educación para a Cidadanía Global, contrastar aprendizaxes con outras entidades e equipos de investigación e seguir incorporando ferramentas útiles para os procesos socioeducativos que desenvolvemos en Galicia. Nesta ocasión, ademais, tivemos a oportunidade de asistir xunto co grupo de investigación ECIGAL da Universidade da Coruña.
O Congreso reuniu máis de 350 persoas de 15 países e contou con máis de 30 mesas, obradoiros e espazos de debate arredor de cuestións como a educación crítica, a xustiza global, a formación docente, a participación social e comunitaria ou o uso ético das tecnoloxías dixitais.

As xornadas iniciáronse coa ponencia inaugural da pensadora e pedagoga Catherine Walsh, referente internacional no pensamento decolonial, que nos convidou a “insurxir dende as fendas”. Empregando a metáfora das plantas que creban os muros e se abren camiño para existir, explicou como estas fendas dan paso á vida e instan a repensar a nosa mirada: non desde a totalidade, senón desde as fisuras que permiten abrir camiños alternativos. As fendas -afirmaba- non son a solución por si soas, pero se se multiplican poden acabar derrubando o muro. Ademais, defendeu o papel central das educadoras e dos educadores como “sementes de esperanza rebeldes”, que precisan doutras sementes para poder medrar e que xermolan outras formas de ser, estar, facer, sentir, ver, pensar, existir e vivir.
Ao longo das xornadas compartiuse unha idea común: a educación non pode ser neutral nun contexto marcado polo aumento das desigualdades, os discursos de odio e a regresión democrática, senón que debe contribuír activamente á construción dunha cidadanía crítica e comprometida.

Desde SIG participamos en diferentes actividades do programa, poñendo o foco naquelas que ofrecían achegas prácticas para o acompañamento educativo, a decolonización e as pedagoxías críticas.
A nosa participación no Congreso culminou coa presentación do proxecto Activismo Sénior dentro da comunicación “Participación e activismos”. Nesta sesión, compartimos a experiencia de traballo que desenvolvemos con persoas maiores en Galicia para promover a súa participación social, o voluntariado e o activismo desde unha perspectiva de Cidadanía Global, reivindicando o papel das persoas maiores como suxeitos políticos activos e axentes de transformación social.
A presenza neste Congreso supón para Solidariedade Internacional de Galicia unha desas fendas das que falaba Walsh: un espazo de aprendizaxe e intercambio que reforza a importancia de seguir tecendo redes con outras entidades, co eido educativo e con equipos de investigación, co obxectivo de avanzar cara a unha educación crítica, comprometida e transformadora… para seguir sendo semente e, tamén, sementando.

