A Soberanía Alimentaria ante un sistema fracturado
Recoñecer a Soberanía Alimentaria global como un dos obxectivos prioritarios para nós supón traballar con socias fortalecidas e focalizadas na idea de que a produción diversificada e agroecolóxica é a fonte ideal da que beber para garantir a seguridade alimentaria e nutricional das familias.
Nestes termos, é inevitable non referirnos á Asociación Salvadoreña Promotora da Saúde (ASPS), coa que levamos traballando desde 2019 e que, concretamente, neste pasado 2024 avanzou cara a Soberanía Alimentaria dos municipios de Jocoaitique e Meanguera, Departamento de Morazán, no Salvador.

E é que a pesar das condicións climatolóxicas adversas durante a execución do proxecto, cumpríronse os obxectivos grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e aos esforzos centrados en fortalecer a produción e o consumo de alimentos agroecolóxicos, mellorar as capacidades locais para a comercialización da produción comunitaria e fomentar relacións máis igualitarias entre homes e mulleres das familias produtoras. Todo iso, traducido en accións como o establecemento de 40 hortos familiares, 16 módulos familiares de aves, capacitación en conceptos básicos sobre agroecoloxía a 56 familias, o intercambio de boas prácticas con outras iniciativas produtoras da zona ou, entre outras, o desenvolvemento de xornadas de autoestima e empoderamento de mulleres produtoras.
Todas as accións, dende a súa planificación ata a súa execución, están atravesadas por uns principios integrais que dan sentido e coherencia ao traballo desenvolvido e por desenvolver. Desde a erradicación da pobreza multidimensional, a igualdade de xénero, a defensa da sustentabilidade ambiental, o enfoque baseado en dereitos humanos, o respecto polas diversidades, a participación cidadá e o fortalecemento institucional e civil.
É por iso que manter a premisa da alimentación saudable como dereito humano e non como mercadoría supón seguir apostando por iniciativas comprometidas co dereito dos pobos a unha produción respectuosa co territorio e a súa biodiversidade, as persoas e o medioambiente.
Afirmamos así que a Soberanía Alimentaria debe de ser obxectivada como un paso prioritario no camiño da transformación dun sistema fracturado, desde o alimentario ata o xusto e sostible, considerando que estes termos han de ir sempre da man.