Solidariedade Internacional, un gran equipo de profesionais
Un ano máis, voluntarios/as, equipos técnicos en sedes e terreo e directivos/as das distintas asociacións territoriais que conforman Solidariedade Internacional, déronse cita na Fundación, con sede en Madrid, co obxectivo de facer balance do ano 2010 e establecer, de forma conxunta, o xeito en que afrontar os retos que presenta o 2011.
Durante 5 días e cunha axenda na que houbo espazo para o debate, a reflexión e a análise, todos/as os/as que formamos parte de Solidariedade Internacional participamos dun novo encontro que, sen dúbida, serviu para fortalecer o noso compromiso na loita contra a pobreza e a desigualdade dende unha perspectiva progresista.
Os retos da cooperación española, a estratexia da entidade para os próximos anos ou o traballo realizado en Haití tras a catástrofe son só un exemplo dos moitos temas que se abordaron durante uns días nos que todos/as os que formamos parte de Solidariedade Internacional en España, América Latina, África e Oriente Medio podemos vernos as caras e compartir inquietudes.
Aproveito estas liñas para agradecer a todos/as os que fan posible Solidariedade Internacional lonxe de aquí, o seu esforzo e dedicación a este proxecto conxunto.