Tránsitos: a ledicia invadiu as prazas
O 17 de outubro, Solidariedade Internacional de Galicia encheu de festa, luz e sorrisos 30 anos de loita pola dignidade.
Parabéns! Había que celebrar e alí estivemos. Centos de persoas transitaron pola cooperación, o comercio xusto, a educación para o desenvolvemento e o compromiso social, poñéndolle corpo á solidariedade.
Galeano escribiu que cada persoa brilla con luz propia, e algunhas, ademais, contaxian a quen se achega. Ese sábado á noitiña, cando fallou a electricidade, puidemos recoñecer esa luz, a das boas persoas, a das que ven polas demais, a das que fan sen agardar. Todas elas mantiveron o seu brillo e encheron de luz a praza. Porque cando pensas nos demais consegues que nunca queden na escuridade. Iso leva facendo «Soli» durante tres décadas, e celebrouno no Festival Tránsitos.
Dende a mañá un fermoso mapamundi mostraba a colaboración internacional da ONG ao longo destes anos, mentres que nas prazas estaba a presenza local das persoas que a sosteñen. Dúas maneiras de ver unha mesma rede. Aquí e acolá. Entre conversas, risas e bailes compartidos, sentimos a forza do colectivo por riba do individual, porque a dignidade deféndese mellor en compaña.
Grazas por tanta e tan boa compaña.
Grazas a Caxoto polos seus contos, a Festivaliño por traer o cine máis pequeno do mundo, a Eixo Atlántico e Skanderani polas súas grandes melodías. Grazas a Mister Cencerrus por lembrarnos que tamén nas compras decidimos o mundo que queremos. Ao Concello de Santiago pola súa colaboración e á concelleira María Rozas pola súa presenza. A Sabores do Mundo por alimentarnos e a AleAlé por brindar con nós.
Grazas a Haydée Castillo e Ángel Berna pola súa resistencia, a DJ Maracatú, Alberto Mvundi, Fuego Lolita e Grampoder polo seu ritmo, e a Ana Gesto por converter a rúa nunha mani artística. Grazas ao Coro da Ra, a Bouba e a Vivantes polo seu punto e seguido. Grazas, Urdime, polo voso oficio e cariño.
Agradecidas tamén á praza do 8 de Marzo por quitarnos os nervios, á de Mazarelos por darnos tanta voz, e á de Cervantes pola emoción. Grazas por gardarnos na vosa lembranza. Xa sempre que vos percorramos, xiraremos a cabeza cunha mirada cómplice.
Seguimos transitando, fronte ao que escurece o mundo, iluminando rúas e prazas, con ledicia contra a inxustiza, e sen deixar de sorrir estaremos agardándote. Porque ti, xa formas parte.
Parabéns, Soli. Que cumpramos moitos máis.









