Tránsitos Fest! 30 anos en movemento
Celebramos o noso trinta aniversario con 12 horas de festival deslocalizado que transitará por espazos urbanos do casco histórico de Santiago.
Música, gastronomía, encontros, performance ou actividades infantís son algunhas das propostas que forman parte de Tránsitos, un festival itinerante que terá lugar o sábado 17 de outubro. Promovido por Solidariedade Internacional de Galicia, enmárcase na celebración do seu trinta aniversario.

Pretendemos, mediante unha proposta lúdica e festiva que reivindica o goce e a celebración, conectar o noso discurso e traxectoria cun público comprometido coa solidariedade entre os pobos, a educación e a xustiza social. E facémolo cun festival en movemento que se camiña, se baila e se comparte.
Un evento que non queda quieto
Cada praza será diferente e pola mañá, na 8 de Marzo, unha degustación de cacao e café de comercio xusto e o espectáculo familiar de Caxoto darán a benvida ao público. A música toma a palabra entón coa proposta didáctica de Eixo Atlántico e o afro-dub sicodélico de Skanderani a modo de sesión vermú.
Para xantar, no espazo gastronómico instalado en Mazarelos e amenizado polo DJ Maracatú, poderanse degustar pratos de diferentes países e ás 16:30 h activistas de varios países compartirán escenario e “Historias de cooperación e resistencia”.
Semba, kizomba, reggae e bossa nova serán os ritmos que traerá Alberto Mvundi á praza de Mazarelos. Tras o artista angolano, pasarán polo escenario a banda de pop-punk Fuego Lolita e os composteláns Grampoder. Ao remate, a performer e artista visual Ana Gesto guiará ao público ata a última parada do camiño, a Praza de Cervantes.
Alí, a partir das 20:30 h, o Coro da Ra e as pandereteiras de Bouba e Vivantes poñerán o punto final a Tránsitos, unha celebración que percorreu e redefiniu durante un día os camiños da zona vella compostelá. Un festival e unha xornada para “moverse xuntas, celebrar o camiño andado e seguir avanzando”.
Consulta aquí o programa.
Contamos contigo!

