Un estudo sobre o Comercio Xusto
O estudo que hoxe presentamos é unha das accións desenvolvidas no marco do proxecto “O movemento social do Comercio Xusto como exercicio de Cidadanía Global: unha contribución á consecución da Axenda 2030 desde Galicia”, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, o cal inclúe ademais outras accións de sensibilización, mobilización social e incidencia política.
O Comercio Xusto, para a nosa entidade constitúe unha ferramenta valiosa na loita contra a pobreza, con capacidade para promover condicións para un desenvolvemento persoal, social e económico sostible. Ademais, e máis aló das vendas, a súa importancia radica en ser un movemento social a nivel planetario que reivindica unhas relacións comerciais xustas, alentando a reflexión sobre as prácticas e as consecuencias do actual modelo de produción, comercialización e consumo.
Por iso, a principal razón para o desenvolvemento deste estudo radica na hipótese de partida que sustenta a investigación, que é o debilitamento do Comercio Xusto como Movemento Social nos últimos tempos (si temos en conta o seu espectro máis amplo, é dicir non só o volume das vendas senón tamén o volume ou presenza das organizacións que o conforman: organizacións produtoras, organizacións importadoras, tendas especializadas e clientela).
Ante esta preocupación, desenvolvemos unha investigación diagnóstica de carácter polimetodolóxico e propositivo para atender a unha dobre finalidade. Por unha banda, describir e coñecer as características e condicións actuais nas que se atopa o Movemento do Comercio Xusto desde Galicia afondando nos seus aspectos cuantitativos, pero tamén nos cualitativos penetrando nos debates que se están a dar dentro do movemento, os desafíos que enfronta e os distintos posicionamentos ao respecto. Por outra banda, pretende propoñer xeitos de fortalecer as capacidades do movemento en Galicia e elaborar propostas estratéxicas para a súa orientación no senso da nosa entidade como acción directa de fortalecemento institucional.
En canto ao seu contido, o estudo fai un breve repaso no seu marco teórico sobre a conceptualización do comercio xusto, a perspectiva do mesmo como movemento social, a súa traxectoria en España e en Galicia e os principais actores que o conforman.
Cómpre sinalar que se tratou dun estudo moi participado, no que contamos coa colaboración fundamental da Consultora Waya así como de actores chave do momento, tanto a nivel galego (A Cova da Terra, Bico de Grao, Oxfam Intermon Galicia, Panxea, Taller de Solidaridad, Amarante Setem), a nivel nacional e internacional (Fairtrade Ibérica, Coordinadora Latinoamericana y del Caribe de Pequeños Productores y Trabajadores de Comercio Justo (CLAC), Comulacs cooperativa de comercio justo (Nicaragua), World Fair Trade Organization -Europe (WFTO), Oxfam Intermón España, Manduvirá cooperativa de comercio justo (Paraguay), Ideas Cooperativa de Comercio Justo, AlterNativa3, Símbolo de Pequeños Productores (SPP Global) e Eticambio). A todas estas organizacións e aos seus representantes queremos agradecer a súa cooperación ao longo de todo este proceso.
Podes consultar o documento neste enlace, agardamos sexa do teu interese.