UN EXERCICIO DE SORORIDADE INSTITUCIONAL
CRÓNICA DAS I XORNADAS INTERNACIONAIS DE INTERCAMBIO DE SABERES DESDE A COOPERACIÓN. Por Laura Cruz
Todo comezou nun soño compartido coas mulleres de Kaqla durante a miña estancia en Guatemala. Despois dun mes de mergullo no seu quefacer e de conversas interminables guiadas polas preguntas curiosas de quen se está asomando á realidade da cooperación, descubrimos que queremos seguir conversando. Por que non organizar un encontro entre entidades para aprender unhas das outras nun exercicio do que poderiamos chamar sororidade institucional?
Nas xornadas puxemos en diálogo a tres entidades (Mujeres Creando, Mujeres Mayas Kaqla e Aliad Ultreia), de tres realidades (Bolivia, Guatemala e Galicia), e con tres metodoloxías de actuación diferentes (arte e denuncia, sanación e acompañamento socioeducativo), pero cunha misión compartida: a loita contras as violencias machistas para unha vida plena.
A conversa inicial xirou arredor dos rostros das violencias. Parecía un tópico compartido, pero ningunha entidade entendeu o mesmo, o que nutriu de riqueza a primeira mesa. Kaqla falounos sobre as formas que adopta a violencia (os seus rostros) impactando nas catro dimensións da integralidade humana, segundo a Cosmovisión Maia; é dicir, como afecta ás nosas crenzas e pensamentos, ao que sentimos, á nosa vivencia espiritual, e ao noso corpo. Mujeres Creando sorprendeunos cos perfís dos homes, amosando as súas caras mentres nos trasladaban datos das súas agresións. Moi chocante porque estamos acostumadas a pensar nas mulleres. Aliad abriunos os ollos ante os rostros dunha violencia particular, a que se exerce en contextos de prostitución. Tres miradas complementarias que de terse imposto a visión do Norte non terían xurdido.
Na segunda parte da mañá afondamos no traballo das tres entidades, descubrindo as súas particularidades e tamén o moito que as une. Quizais non empreguen os mesmos termos, pero as tres falan de poñer ás mulleres no centro, de escoitar as súas necesidades e responder as súas demandas (poucas veces centradas na denuncia), de ir a carón delas, de acompañalas, sendo unha máis, unha compañeira.
Pola tarde foi o espazo para desenvolver e practicar novas aprendizaxes. Como acostuma acontecer cos obradoiros simultáneos, eu só puiden gozar dun. A pregunta que nos deixaron despois de tres horas de traballo quedou sen responder. Ocórresevos algunha forma de actuación desde a alegalidade para denunciar violencias machistas? Así traballan desde Bolivia. É posible aquí, no Norte?
Solidariedade Internacional de Galicia fixo posible que o soño inicial se convertese nunha realidade. A gran acollida que tiveron as xornadas, entre alumnado e profesorado do Grao en Educación Social, da Universidade da Coruña, entidades sociais e ONG que traballan na promoción da igualdade, é mostra da necesidade deste tipo de encontros e intercambios entre Norte e Sur.