Construindo voluntariado
Un encontro con Evelyn Ramirez
Evelyn Ramírez, representante da asociación guatemalteca Mejorha, socia local da nosa entidade, visitou Galicia nuns días nos que puido compartir a súa experiencia e a da súa organización con todo o noso voluntariado.
Durante os seus encontros, Evelyn puido dar a coñecer de primeira man os proxectos apoiados por Solidariedade Internacional de Galicia co financiamento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Un deles, executado en 2021, baseouse na construción participativa dun módulo educativo para facilitar a formación a distancia do alumnado de secundaria. Ademais de erguer o centro, este dotouse de mobiliario, libros de texto, equipamento informático e placas fotovoltaicas, alén de contar cun titor. Deste xeito, “a mocidade pode continuar os seus estudos e desbota a idea de emigrar para traballar en condicións de explotación”, explicou Evelyn Ramírez.
Doutra banda, a compañeira tamén falou da instalación de cociñas ecolóxicas en trinta vivendas da comunidade Guayabillas Barrio Nuevo e da aldea de Talquetzalito, que permitiron reducir á metade as doenzas respiratorias e oculares causadas polo fume das fogueiras que anteriormente prendían no chan. Os novos fogóns evitan asemade queimaduras e lesións por agacharse para cociñar, sobre todo entre as mulleres, alén de minguar o risco de incendios.
Durante a súa estancia en Galicia, Evelyn Ramirez puido achegarse, á súa vez, a labor que o voluntariado de Solidariedade Internacional de Galicia realiza e que resulta fundamental para a posta en marcha de todas as súas iniciativas.
Estes encontros foron posibles grazas ao financiamento da Consellería de cultura, lingua e xuventude da Xunta de Galicia.