Visita Sur: As Lideresas Hondureñas

0 Comentario
6064 Vistas

Por Gabriel Rocha

Non hai fronteira que limite a forza dunha palabra nacida da resistencia, porque as loitas que nacen nun recuncho fanse universais cando son compartidas por mulleres que transforman a dor en esperanza e a esperanza en acción colectiva.

Isto resume o acontecido na Sesión coas Lideresas Hondureñas, no marco do proxecto Activistas polo Mundo que Queremos, impulsado por Solidariedade Internacional de Galicia e en colaboración con compañeiras de AGARESO e da Asemblea de Cooperación pola Paz.

O pasado xoves, 10 de abril de 2025, tivemos a oportunidade de recibir na nosa Tenda de Comercio Xusto de Ourense a dúas mulleres que traen consigo o peso e a dignidade da loita diaria: Francis e Eunice, representantes do Centro de Derechos de Mujeres de Honduras. Este país multicultural, vibrante e cheo de sabedoría ancestral, é tamén un dos máis perigosos para quen defende os dereitos humanos. Elas están a facer unha intensa labor durante dúas semanas por Galicia, compartindo saberes, experiencias e unha loita que non é allea, senón profundamente conectada co noso propio camiño.

Un momento do encontro con Francis e Eunice

O proxecto traballa o activismo con persoas novas, principalmente en espazos educativos, mais tamén serve como ponte cara á sociedade civil e, da man da política, permite que as mensaxes e as realidades do activismo viaxen máis alá das aulas e cheguen a colectivos, entidades e persoas que tamén se organizan e buscan transformacións sociais.

Francis e Eunice traballan día a día en temas como o feminismo, os dereitos LGTBIQ+, o medio ambiente e a loita contra o racismo, dende unha perspectiva que dá voz aos pobos indíxenas e orixinarios. Forman parte dunha rede de mulleres que non deixan de resistir fronte ás violencias estruturais e á impunidade, nun contexto onde ser muller, lideresa e feminista supón un risco real, dentro dunha sociedade onde aínda quedan moitos dereitos por blindar. E, abogando pola incidencia política, demostran que a transformación tamén pasa por ocupar espazos, disputar conversas e garantir coidados colectivos.

A sesión contou coa participación de máis de 20 persoas de diferentes idades e procedencias: dende entidades como Ategal ou Bregal ata xente da academia, e cidadanía interesada. Neste espazo profundizouse nos relatos das lideresas, compartindo ese espírito de loita, achegando outra realidade ao pobo galego e debuxando colectivamente as cuestións que se asemellan e aquelas diferenzas que tamén nos enriquecen. Porque, en realidade, son moito máis parecidas do que ás veces pensamos.

Foi unha conversa onde se visibilizou o arraigo comunitario aos corpos, aos territorios e ás vidas. Denunciouse como potencias inxerencistas, como os Estados Unidos, tratan de incidir en Honduras baixo o falso lema da economía, expoliando os recursos naturais e destruíndo os territorios. Elas destacaron con claridade:

“De Honduras non interesa o saber nin a cultura: só se levan o ouro e o beneficio do traballo dos seres humanos. Cartos que non van ir á educación ou á sanidade, senón para o interese privado”.

Esta frase conectou directamente coa realidade do pobo Lenca, comunidade indíxena que leva anos sufrindo o espolio dos seus recursos, a contaminación dos ríos e lagos o que chaman “a contaminación do ouro verde” e a persecución das súas lideresas, como Gilda Ribera, unha das máis de 9.000 mulleres desaparecidas dende o ano 2012 que acabou sendo torturada por traballar por un mundo diferente ao imposto.

Contaron como a colonización non rematou: transformouse e adaptouse ás novas realidades. Agora son os fondos de investimento de distintos continentes os que seguen roubando e fomentando unha cultura de violencia para subordinar á cidadanía. Pasan tamén pola trata de persoas, que vai dende os hospitais ata os seus grandes complexos hostaleiros, intentando converter Honduras nun patio de recreo para intereses alleos.

Elas levan procesos e proxectos transformadores de construción de cidadanía, loitando polo dereito a decidir sobre os seus corpos e vidas. Traballan tamén coa xuventude e coas familias para cambiar unha cultura que criminaliza os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, baseándose en tabús. Contan cun Observatorio de Mulleres, onde acompañan, reflexionan e fortalecen a soberanía das mulleres hondureñas, en contextos moi complicados que non sempre contan cun final feliz, pero si con moitos avances grazas a quen pon o corpo e a vida polo coidado da vida. Dende un feminismo comunitario que nace dos saberes das avoas e das nais, xeración tras xeración.

Situacións como un sistema sanitario totalmente deficiente, recortado unha e outra vez, e unha educación privatizada, onde as universidades públicas escasean e quedan lonxe da cidadanía, dificultan os seus dereitos básicos. A chegada da primeira presidenta do país xerou certa esperanza, pero as súas políticas mudaron e non resultaron máis feministas: rexeitou o Plan Integral de Educación Sexual do Centro de Derechos de Mujeres, e aínda que se legalizou a pílula abortiva, segue habendo unha cultura de vergoña que frea o seu uso, pola presión moral e social condicionada pola Igrexa.

A persistencia de tabús e eufemismos dificulta que as mulleres poidan nomear e coñecer o seu corpo con liberdade e naturalidade. Expresións como “el pancito” para referirse á súa vulva, usadas entre risas e dende a vergoña, perpetúan as violencias sexuais dende idades temperás.

Nun país onde a taxa de embarazos infantís é alarmante, froito dunha violencia estrutural profundamente enraizada, con casos de nenas embarazadas dende os 8 anos, o aborto continúa absolutamente prohibido, mesmo en situacións de violación. Neste contexto, o traballo de formiga das compañeiras é imprescindible, dende a sociedade civil ata dentro das institucións, con representación política que condiciona e empuxa ao goberno a tomar decisións en favor dos dereitos humanos.

Contando con unha separación de poderes que é máis simbólica que efectiva. E, a nivel municipal, moitos alcaldes utilizan a canasta básica alimentaria como ferramenta de control, ofrecéndoa só a mulleres do seu partido. Lógrase así manter un rol feminino, vinculado ao fogar e á dependencia, mentres se ignoran dereitos fundamentais como a saúde, a educación ou a participación política, nun espazo moi masculinizado.

Mais o poder institucional non é o único obstáculo. Dentro das organizacións sociais, os homes lideran moitas delas, e algúns rexeitan abertamente o liderado das mulleres; outros simplemente ignórano ata que teñen poder real. Hai tamén liderados machistas que delegan as mulleres á casa, e mesmo algunhas mulleres reproducen o machismo, o clasismo e o capitalismo, cuestionando ás que loitan ou denuncian.

Contaron a anécdota dunha muller criticada por non levar vestido cando denunciou unha agresión sexual. Hai frases moi interiorizadas que seguen facendo dano: “Home querías, home tes, home terás. Toca aguantar.” Cuestións que perpetúan a desigualdade: as mulleres só herdan se non hai homes na familia, e ás veces chegan a ser enganadas polos seus propios fillos, que lles fan asinar documentos sen comprender, aproveitándose do analfabetismo xeneralizado para quedar coas casas e abandonar as súas familias polo capital.

A cooperación internacional e o acceso á educación foron claves para avanzar, pero aínda queda moito por facer. O diñeiro é necesario para a independencia de calquera persoa, máis aínda con cargas familiares. Por iso, moitas das máis de 100.000 persoas que están fóra axudan mediante o que chaman remesas, enviando apoio económico ás mulleres que, en moitos casos, teñen que ocultalo porque os seus maridos patriarcais non ven ben que teñan independencia económica. Moitas nin sequera existen administrativamente: sen rexistro, sen conta bancaria, sen dereito recoñecido.

Todo isto lévanos a destacar as hortas comunitarias como espazos onde o traballo das mulleres se materializa, se recoñece e se comparte. Motívanas, empodéranse, e rachan cos mitos que estigmatizan. Entre eles, o do amor romántico, que banaliza as agresións sexuais e chama ao maltrato “amor”, cando non é máis que un conto perigoso para que nada cambie. Unha trampa de dobre fío.

As nosas compañeiras tamén relataron vivencias persoais atravesadas por violencias sexuais no ámbito familiar, a falta de escolas públicas e a dificultade para afrontar con este sistema cultural. Para coñecer máis do seu traballo, animaron a visitar derechosdelamujer.org, onde se pode ver todo o que fan e as mulleres que están detrás, lembrando que todas as mans que loitan pola xustiza social son benvidas e necesarias.

Partindo dunha Lei de Violencia Doméstica en Honduras que non garante unha protección real. O sistema xudicial, profundamente patriarcal e clasista, expón ás mulleres que denuncian, someténdoas a xuízos morais e minimizando a gravidade das situacións. En moitas ocasións os casos son directamente desestimados, e as mulleres rematan volvendo cos seus maltratadores ante a pasividade ou a complicidade institucional. Máis que amparar, este sistema revitimiza, perpetúa a impunidade e converte a denuncia nun novo acto de exposición e risco. Estas violencias trabállanse dende a comunidade e os saberes das avoas, rompendo o que parecía establecido. Os homes venden as terras, teñen vicios, xestionan o diñeiro e torpedean o desenvolvemento. Elas coidan e manteñen a vida, transmiten coñecementos e experiencias que se transversalizan a calquera sector, dende unha ética polo territorio que lles corresponde administrar. Destacando tamén, a medicina tradicional.

“Se transformas o coñecemento dunha muller, transformas unha realidade familiar”.

Hai que continuar traballando para cambiar moitas historias máis.

Precisamente, a privación de tantos recursos materiais invítanos a reflexionar sobre a forza que teñen as mulleres para afrontar as adversidades e inxustizas. A súa forza nace da colectivización dos saberes e da conexión co territorio. Sen auga, sen terra, sen costumes e sen raíces, non somos nada.

“A quen perde os orixes, pérdelle a dignidade e o rumbo da vida, do cosmos”.

Por iso, poñer a identidade da vida no centro das decisións é vital. Saber de onde vimos e cara onde imos.

“A terra non é nosa, a terra é nosa nai e a fonte da vida”.

Durante toda a sesión, creouse un espazo de escoita e aprendizaxe, onde a diversidade de experiencias e saberes permitiu tecer rede, compartir loitas e recoñecernos dende diferentes lugares, pero cun mesmo obxectivo común: defender a vida e a xustiza.


Un encontro de reflexións, soños de cambio e compromiso social

O encontro final do proxecto "Liderados Xuvenís Transformadores" celebrouse o...

Representantes da Xunta de Galicia visitan os nosos proxectos en Honduras

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea,...

Deja tu comentario

  Acepto la política de privacidad

Información sobre protección de datos

  • Responsable: Solidaridad Internacional Galicia
  • Fin del tratamiento: Controlar el spam, gestión de comentarios
  • Legitimación: Tu consentimiento
  • Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal.
  • Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido.
  • Contacto: direccion@solidaridadgalicia.org.
  • Información adicional: Más información en nuestra política de privacidad.