O 15 de maio ás 19:00 horas na Tenda de Comercio Xusto de Ourense, no marco do proxecto “Do envellecemento activo ao envellecemento activista” e co apoio e a colaboración de ATEGAL, impulsamos a actividade “Os pousos do café”. Mediante a cal, alumnado sénior coñecerá o movemento social do Comercio Xusto como alternativa comercial que pon no centro aos seres humanos e a sustentabilidade social, económica e ambiental das sociedades.
A actividade desenvolverase a través do visionado dunha curtametraxe documental que nos achegará ao comercio xusto desde a perspectiva dunha caficultora en orixe (El Salvador). A continuación manteremos unha charla-coloquio con con Ana María Gutiérrez, protagonista do documental e produtora da Asociación Cooperativa de Produtores Agropecuaria ATAISI de El Salvador e con Claudia Jiménez, xestora neste país da Coordinadora Latinoamericana e do Caribe de Pequenos/as Produtores/as e Traballadores/as de Comercio Xusto (CLAC). Conversando con elas coñeceremos de preto a súa realidade e analizaremos como o Comercio Xusto contribúe a garantir unha vida digna a milleiros de persoas asociadas nas distintas cooperativas de América Central. Para rematar dun xeito distendido tamén poderemos degustar e compartir un exquisito café de Comercio Xusto.
Esta iniciativa conta co financiamento e apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia a través da convocatoria da asignación do 0,7% do IRPF.