O Globo, na procura de micro-experiencias
O equipo de Solidariedade Internacional Galicia activámonos na procura de micro – experiencias de transformación social
Achégase o III Encontro do Globo, e como en anos anteriores, queremos que sexa un espazo no que compartir, aprender colectivamente, e visibilizar iniciativas moi diversas que constrúen un mundo máis xusto e global. Pero, antes de celebrar e vernos as caras no encontro, O Globo ten un obxectivo importante: achegarnos, coñecer e convidar a novas iniciativas de transformación social que se queiran sumar ao Globo, xunto coas iniciativas que xa forman parte deste espazo colectivo.
O Globo é unha ferramenta para a promoción da cidadanía global. Este espazo colectivo foi construíndose e enriquecéndose grazas aos aportes de todas as persoas que forman parte del, e cada ano, vai ensanchándose. Comezou coas achegas do Prisma; e ese mesmo ano chegaron as primeiras micro – experiencias de transformación social que promoveron as escolas e os IES, promovendo a Cidadanía Global entre o alumnado. Despois, foron sumándose ao Globo asociacións, entidades, e grupos de persoas, que coas súas accións implícanse na mellora da súa contorna.
Este ano continuamos facendo do Globo unha ferramenta para a transformación social: continuamos poñendo en valor as micro – experiencias promovidas pola rapazada e o profesorado das escolas e dos IES, así como das entidades que se sumaron en anos anteriores ao Globo; pero queremos convidar e coñecer novas iniciativas de transformación social. Polo que, se formades parte ou promovedes algún proxecto, gustaríanos moito coñecervos a vós e á vosa iniciativa.
O Globo chama a vosa atención? Queredes saber máis, ou como participar? Contacta con nós!
Esta iniciativa é posible grazas a Cooperación Galega da Xunta de Galicia.