Resolución do I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global

0 Comentario
3830 Vistas

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero son os dous centros gañadores da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD que naceu en 2020 para recoñecer experiencias educativas que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.

Nesta primeira edición presentáronse 19 candidaturas divididas en dúas categorías: 7 correspondentes á categoría A (Infantil e Primaria) e 12 á categoría B (Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas).

O xurado do Premio, formado por seis persoas vinculadas ás ONGD, á cooperación internacional ao desenvolvemento e ao mundo educativo, fixo pública o pasado luns a resolución definitiva. Nela, resaltaron o esforzo do profesorado e dos centros educativos que se presentaron a esta primeira edición no actual contexto de crise sanitaria que afectou ao normal funcionamento das aulas e anunciaron as iniciativas gañadoras: ‘Aprendendo a convivir’ do CEIP Ponte dos Brozos na categoría A e ‘Monferosolidario’ do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, na categoría B.

“A recepción deste premio supón a posta en valor dun esforzo, non sempre visible, para acadar unha escola solidaria e sensible co relativo á igualdade, á mellora da convivencia e ao coidado do medio ambiente” asegurou a coordinadora do equipo de convivencia do CEIP Ponte dos Brozos, Verónica Iglesias.

Pola súa banda, a profesora de ESO e coordinadora do Proxecto Monferosolidario do CPIP Plurilingüe Virxe da Cela, Verónica Dopico, afirmou que “o premio supón unha reafirmación na nosa idea inicial: a posibilidade de abrir a escola cara á transformación social desde a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global”.

As experiencias de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global caracterízanse por promover que o alumnado se responsabilice e participe na construción colectiva dunha sociedade solidaria e comprometida coa xustiza social global. “Estamos moi satisfeitas coa acollida que tivo o Premio nesta primeira edición e co potencial e valor das propostas presentadas por 19 centros educativos de Galicia que traballan para transformar o mundo dende as aulas”, informou María Paz, portavoz da Coordinadora Galega de ONGD.

Aprendendo a convivir

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo é un dos centros escolares máis grandes de Galicia. Actualmente conta con 1.115 alumnas e alumnos e cun equipo docente formado por 85 persoas. A iniciativa ‘Aprendendo a convivir’ naceu en 2014 cando o centro entrou a formar parte da Rede de escolas asociadas á UNESCO e dende entón foi collendo forza. Como asegura Iglesias está implicado “todo o claustro, o alumnado e as familias”.

O proxecto de centro aborda cuestións coma a emerxencia climática, a igualdade de xénero e a cultura da paz. E ao longo do curso prográmanse actividades en colaboración con colectivos e institucións da contorna como a residencia para persoas maiores, o Hospital Materno Infantil da Coruña, a ONG Mestura ou o Centro de Información á Muller (CIM) de Arteixo. Tamén, con organizacións internacionais como Teachers for Future, o Instituto Jane Goodall e Amnistía Internacional, colaboracións que achegan unha mirada global sobre as problemáticas do mundo, as súas posibles solucións e unha implicación colectiva dende o local. No seu blog atópase informacións das distintas actividades levadas a cabo.

Monferosolidario

En setembro de 2009 o CPI Virxe da Cela recibía de mans do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación o I Premio Nacional de Educación para el Desarrollo Vicente Ferrer. Foi un dos 15 centros galardoados nesa primeira edición e en 2021, doce anos despois e logo de moito traballo, gañaron a primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. Neste tempo o proxecto medrou, agora abarca todos os niveis educativos (Infantil, Primaria e Secundaria) e converteuse nun sinal de identidade do centro e da súa comunidade educativa.

Como afirma Dopico, “soubemos manternos no tempo e tivemos que evolucionar e adaptarnos aos cambios e transformacións da sociedade, especialmente notables neste último ano. E todo isto foi posible grazas ás sinerxías creadas dentro e fóra do propio centro e ao espírito de colaboración e participación no que se basea o proxecto” e no que a mirada ‘pensa global, actual local’ está presente. No blog do centro recóllense as distintas accións e actividades no marco do proxecto.

Recoñecemento público

O acto de entrega do Premio non poderá levarse a cabo como estaba previsto inicialmente debido ás medidas restritivas derivadas da Covid-19. A mediados de febreiro, unha representación do equipo organizador desprazarase aos dous centros educativos para facer entrega dun elemento distintivo.

Por outra banda, organizarase un encontro virtual dirixido ao profesorado implicado de todas as experiencias presentadas nesta edición coa vontade de compartir aprendizaxes e promover o acompañamento.


III PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL

Convocatoria aberta! O propósito do galardón é recoñecer experiencias educativas...

COÑECES AS NOSAS TENDAS?

As compañeiras de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia...

Deja tu comentario

  Acepto la política de privacidad

Información sobre protección de datos

  • Responsable: Solidaridad Internacional Galicia
  • Fin del tratamiento: Controlar el spam, gestión de comentarios
  • Legitimación: Tu consentimiento
  • Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal.
  • Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido.
  • Contacto: direccion@solidaridadgalicia.org.
  • Información adicional: Más información en nuestra política de privacidad.