Asinamos o convenio “Activistas polo mundo que queremos 2021-2022”
- Asinamos co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e representantes das ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz o convenio para renovar a colaboración.
- Participarán 500 alumnos e 12 docentes de 6 centros de ESO da comunidade galega, que se suman aos máis de 4.200 alumnos e 254 profesores de 51 centros educativos das 8 edicións anteriores da iniciativa.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visitou a nosa tenda de Comercio Xusto en A Coruña para asinar o convenio de colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz para levar a cabo a novena edición do proxecto Activistas polo mundo que queremos 2021-2022. Nesta ocasión a iniciativa conta cun orzamento de 73.691 euros, dos que a Xunta achega 70.000 euros e as tres organizacións participantes a contía restante.

O acordo ten como obxectivo contribuír ao fomento dunha adolescencia e profesorado galegos conscientes da interconexión entre realidades locais e dinámicas globais e apoiar a construción da xustiza social, a través da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza nos centros educativos da comunidade. Ademais, sinalou, permite visibilizar o traballo da cooperación galega e vincular á comunidade educativa co movemento asociativo dos seus concellos.
Os convenios de colaboración asinados nos últimos anos dan continuidade ao proxecto piloto posto en marcha por primeira vez en 2013 e desenvolvido no marco do Plan Proxecta de innovación educativa destinado a impulsar a colaboración entre os distintos departamentos da Xunta que contan con programas dirixidos a centros educativos. A Xunta investiu case 595.400 euros desde a posta en marcha deste proxecto, que mediante a colaboración coas tres ONGD, permitiu traballar co profesorado e alumnado dun total de 4.205 alumnos e 254 profesores de 51 centros educativos.
Entre os participantes nas nove edicións, o director xeral de Relacións Exteriores lembrou que dous centros -o CPI Toural de Vilaboa, en Pontevedra e o IES Plurilingüe do concello coruñés de Camariñas- gañaron o premio Vicente Ferrer de Educación ao Desenvolvemento.
O convenio entre a Xunta e as tres ONGD para poñer en marcha unha nova edición de Activistas polo mundo que queremos dá cumprimento ao Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2021, no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, en especial no que se refire a levar a cabo unha política de educación para o desenvolvemento orientada a construír unha cidadanía global comprometida co cambio social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sostible.